Martes, Decembro 5th 2006


Segar a herba de castela
posted @ 1:39 pm in [ Da escola ]

Estas semanas estiven dando un relatorio dentro dos Seminarios de Dinamización lingüística que organizaou Política Lingüística.

O meu discurso tentei que fose o máis práctico posible e xirou entorno ao que poden facer os Equipos de Normalización Lingüística dos centros en relación coas TICs. Apuntei varias cuestións que creo que se deberían afrontar dende os ámbito escolar: Apostar polo software libre, galeguización ao máximo das TICs- incluído Windows XP se é que non hai outros-, instalación do Open Office en todos os ordenadores, o uso dos blogs na escola, proxectos educativos TIC, etc.

Unha das reflexións que fixen foi sobre o gasto que sigue facendo a Consellería de Educación na compra de ordenadores – cousa igual facía o PP-. Touriño aínda estivo estes días con este conto, de vender as grandes cifras de comprar ordenadores para os centros e para as familias.

Máis eu penso que hai que pensar no escaso esforzo que se fai en dotar de contidos educativos ás máquinas. A proposta institucional é mínima. E moito do que hai feito aquí está baseado no voluntarismo de profesorado.

Creo que dende Educación non se ten claro que investir en Coñecemento non é só comprar maquinillos.

Se non hai herba que segar por moi boa que sexa segadora non valerá para nada. Esta situación o que provoca que teñamos que segar a herba doutros lados.




Venres, Decembro 1st 2006


Presentación de Vidas exemplares
posted @ 12:44 pm in [ Bombo - Libros e papeis ]

Presentación de Vidas Exemplares

O vinderio martes 5 ás 20:00 horas preséntase o libro Vidas Exemplares de Gradicela. O acto desenvolverase na planta de arriba do Barplaza (recentemente rebautizado Ateneo Valle-Inclán de Ribeira del Caramiñal) e contará coa presenza de Brétemas.

O Xudío e máis o que escribe este blog estámos botándolle unha man a autora a organizar o acto. Venme á cabeza a conversa que tivemos estes días, sobre o tema da difusión cultural. Eu son dos que pensa que neste país se crea, se discurre, se inventa e se fai moito con moita calidade, máis despois, moitas veces, non ten a difusión e repercusión que debera.

En resumo somos un país de Creadores máis tamén temos que selo de Productores. Quizais habería que formar a xente nestas cousas que son tan importantes como a da creación en si.




Xoves, Novembro 30th 2006


Tres segundos de memoria
posted @ 12:00 pm in [ Libros e papeis ]

Acabo de rematar de ler premio Xerais “Tres segundos de memoria” de Diego Ameixeiras. Gustei moito da trama e dos personaxes cos que calquera que ande entre os vintetantos e trintaepoucos,e salga de copas, se pode indentificar de xeito inmediato.

Non sei se trata dunha novela xeneracional (non teño nin idea do que é eso) máis eu xa a emprestei a colegas de farra que non acostuman a ler de xeito expreso e ben que lles gustou verse no espello este das letras. A historia dun mozo universitario cun emprego precario que se busca a vida. Un tipo que sae de marcha e que anda cos colegas. Eso un tipo normal.

A obra está composta por capítulos curtos e lese rapidamente. Vese un estilo de redacción propio dos blogs, coousa lóxica xa que o autor rexenta varios, ao que só lle boto en falta facer comentarios ao final de cada capítulo.

O vocabulario que usa Ameixeiras é dese “novidoso de toda a vida” enchoupa toda a novela dun xeito semellante ao que lle ocurría nás historias de Horacio Dopico, protagonista das 2 novelas negras anteriores do mesmo autor.

Non me resisto a copiar e pegar aquí algúns dos diálogos que saen no libro:

- “A ultima vez que unha descoñecida me chamou riquiño á cara, comprendín que esta desbaratando as miñas ansias de sexo oral”.
...
- “A cultura fainos máis libres, pero esa liberdade non inclúe que folles máis, que é o que importa”.
...
“Levas anos curtíndote en antros tristes e alternativos,onde para darte a valer tes que introducir referencias culturais nas conversas e criticar á masa. Iso pode estar be aos vinte,pero aos trinta hai que ser intelixente”.
...
-”... esta noite soñei que me saía unha peza redonda xogando ao tetris”.
...
-” ... e creo que daría un brazo por non ser heterosexual, que é un atraso”.
... – “... non sei que facer da miña vida, como lle ocorre a moita xente que non sae na guía de teléfonos”.

Recomendable, non só pa friquies, senón tamén para xente que as fins de semana cadelea polos bares.

Espero que na presentación da novela, polas barras do país adiante, se baleiren moitas botellas de destilados á súa saúde.




Mércores, Novembro 29th 2006


Nova Web do Concello de Ribeira
posted @ 3:00 pm in [ Cousas da 9ª ]

Nova web do concello

O goberno da por fin lle cambia a chapa e a mecánica da web do concello. Falta facía porque o referente instucional de Ribeira estivo máis morto que vivo e os internautas locais buscamos información instutional por outros servidores máis actualizados.

A estructura semella funcional aínda que boto en falla moitos apartados que poderían e deberían estar na web institucional do municipio. Agora ben, a cambio pode valer de pouco se non hai actualización constante da páxina e se fan efectivos moitos dos servizos en liña que se levan prometendo. Un consello: unha web é moito máis que un folleto de turismo ou un sitio para descargar PDFs que logo tes que achegar igualmente á ventaniña de rexistro.

Ah, non se perdan o erro que sae na imaxe, e se pode ver aquí, onde di ” riveira.com e riveira.es poderá ser modificada e actualizada polo Concello de Narón”.

Tan longos son os tentáculos de Gato?.




Luns, Novembro 27th 2006


Libro de matemáticas
posted @ 5:57 pm in [ Da escola ]

Libro de Mates
Mándanme un libro de matemáticas novo para 1º, non me fixo nel.
Á tarde teño clase cun rapaz ao cal lle explico a descomposición en factores primos.

O rapaz comeza a ler un exercicio: “Descompom en factors primers”.

  • Anda deixa de enredar e le ben.


  • Profe este libro está en francés.


  • Deixate de rollos e ponte a facer os exercicios.


  • Está en catalán!


Levántome e efectivamente o libro está en catalán. Quedo pampo pensando en como dou chegado este libro aquí.

O rapaz, todo cheo de razón espétame:

Reflexión miña: que pronto deixou de ser o coco catalán.




Venres, Novembro 24th 2006


Nico
posted @ 11:28 am in [ Da escola ]

Cámara de cine
O redactor deste blog intermente escribe.

Durante o curso pasado o alumnado e profesorado do IES de Porto do Son estiveron traballando nun experiencia educativa moi valiosa e diferente. Elaboraron unha curtametraxe no instituto.

Coa colaboración de Luís Avilés fixeron unha estupenda película duns 20 minutos de duración sobre un tema de candente actualidade: o acoso escolar. O traballo ten formato de thriller onde se mantén unha constante tensión. A rapazada tivo que facer todo: pensar o argumento, pulilo, elaborar guión, facer o casting, actuar, dirixir, producir, atender ao son, compoñer a música, etc todo un pequeno máster do audiovisual que seguramente recordarán no futuro cos olliños da nostalxia.

O traballo leva o nome de Nico e nel volcouse non so a comunidade escolar do centro, senón o entorno, concello,... para quitar a diante un proxecto educativo que supera as paredes do centro de ensino. Recentemente recolleron o premio Educacompostela polo labor desenvolvida. E xa están traballando na producción deste ano, que vai si queren que sexa unha comedia.

Esta semanas convidámolos a vir ao choio, viñeron un profe e 2 das rapazas que participaron na dirección e producción para contarlle a experiencia ao noso alumnado. Sorprendeume a capacidade que tiñan as mociñas para transmitirlle a idea do proxecto a nosa rapazada. Parabéns!

Recomendación para todos os Departamentos de Oriencación dos instis: proxéctena ao seu alumnado xa que lle poden sacar moito proveito nesas horas de titoría que non se sabe moi ben que facer.




Martes, Outubro 17th 2006


Os ollos da Memoria
posted @ 9:56 am in [ Altofalante ]

Logo de Altofalante

Concurso de fotografía dixital da comarca do Barbanza

1. Obxectivos
A Asociación Cultural Altofalante de Ribeira convoca neste 2006, Ano da Memoria, o Concurso de fotografía dixital «Os ollos da memoria» cos seguintes obxectivos:

  • Contribuír á lembranza da represión en Galiza desde 1936, á recuperación da nosa historia e á homenaxe ás persoas represaliadas pola dereita española desde o comezo do réxime fascista.


  • Contribuír, a través da fotografía, a que a cidadanía observe e reflexione sobre as pegadas da represión fascista aínda existentes na comarca do Barbanza.


  • Denunciar, por medio da fotografía, a existencia da simboloxía de homenaxe ao fascismo que aínda se mantén no Barbanza en 2006.


2. Participantes
Poden participar neste concurso todas aquelas persoas que o desexen, sen límites de idade, nacionalidade, profesión, etc.
Cada participante pode presentar un máximo de tres fotografías.

3. Temática das fotografías
A temática das fotografías debe ser a memoria histórica, e máis concretamente:

  • A denuncia da existencia de simboloxía fascista na comarca do Barbanza.


  • A observación das pegadas da represión fascista aínda existentes.


  • A lembranza da represión desde 1936, a recuperación da nosa historia, a homenaxe ás persoas represaliadas, etc.


As fotografías deben estar tiradas nalgún dos seguintes concellos: A Pobra do Caramiñal, A Serra de Outes, Boiro, Lousame, Noia, Porto do Son, Rianxo ou Ribeira.

4. Características técnicas das fotografías
As fotografías presentadas a este concurso deben ter as seguintes características técnicas:

  • Dimensións máximas: 2.560×1.920 píxeles


  • Peso máximo: 1 Mb


  • Admítense fotografías a toda cor, en branco e negro, monocromos, etc.


  • Non se admiten montaxes fotográficas.


5. Forma e prazo de presentación
As fotografías deben enviarse ao enderezo electrónico altofalante@altofalante.org até o 31 de outubro de 2006.

Cada fotografía debe ter un título e pode ir acompañada dunha breve frase, descrición, explicación ou comentario dunhas tres ou catro liñas.
Tanto o título como o texto breve deben estar en galego.
Cada autora ou autor debe achegar os seguintes datos:

  • Nome e apelidos


  • Data de nacemento


  • Enderezo postal completo


  • Enderezo electrónico


  • Teléfono de contacto


  • Profesión


  • Título de cada unha das fotografías presentadas


  • Localización xeográfica de cada unha das fotografías presentadas


  • Descrición ou comentarios de cada unha das fotos (opcional)


6. Premios
Outorgaranse dous premios:

Un primeiro de 200 €.

Un segundo de 100 €.

A decisión do xurado darase a coñecer o 13 de novembro, Día da Dignidade.

7. Xurado
O xurado estará composto por membros da xunta directiva da Asociación Cultural Altofalante e/ou por persoas designadas por esta.
Ao xurado correspóndelle avaliar e deliberar sobre os traballos presentados e pode declarar deserto algún premio ou todos eles, así como conceder libremente algún accésit, aínda que sen dotación económica.

8. Normas finais

As fotografías premiadas quedarán en posesión da Asociación Cultural Altofalante, que terá todos os dereitos sobre elas.

Os autores e as autoras de todas as obras presentadas autorizan á Asociación Cultural Altofalante a utilizar as fotografías presentadas para expor, proxectar, difundir, publicar, etc., sempre que sexa sen ánimo de lucro.

A participación neste concurso supón a plena aceptación destas bases, sobre as que ante calquera dúbida, prevalecerá unicamente a opinión do xurado.

Colabora con este premio a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galiza, no marco das accións desenvolvidas no Ano da Memoria.




Venres, Outubro 6th 2006


A praza de Teruel
posted @ 12:08 pm in [ Bombo ]

Festa na Praza de Teruel

As rúas do barrio de Bandourrío son estreitas e nelas bebese viño de barril en tabernas que paulatinamente van deixando sitio a pubs nos que se despachan destilados. Este barrio é a orixe da Sentenaria, berce de mariñeiros que tivo sucesivas reformas pavimentarias e espirituais.

A praza de Teruel é unha praza situada no corazón de Bandourrío, conta cun interesante cruceiro digno de coñecer. Esta praza leva anos, supoño que os anos se poderán agrupar en séculos, abandonada. Sen pavimento de ningún tipo coa area e rochas ao aire. En tempos este espazo foi lugar onde se celebraba o mercado do sábado máis agora a actividade concentrase nas noites das fins de semana sendo espazo de tránsito da mocidade para beber nas noites de calor. Quizais moito antes fóra un bo sitio para armar palangres, extender redes e varar dornas. Desto a memoria non acorda.

O abandono desta praza baseábase na propiedade privada da mesma, algo que hai que respetar, pero cando o uso é público e viven veciños ao redor os poderes públicos deben de solucionar o problema. Este era un problema de vello, de moi vello que os sucesivos gobernos locais se comprometían a afrontar e solucionar de xeito tallante. Debíase pasar ao público o que de facto xa era.

Cunha rocambolesca operación, bastante opaca e con certo recendo a Marbella, de permuta de terrenos nas que hai implicada unha promotora que constrúe adosados en primeira liña de praia, o goberno local obtén a titularidade pública da praza.

Hoxe a veciñanza fai a festa na praza xa amañada, praza que leva sendo anos súa.




Xoves, Outubro 5th 2006


Uns que marchan
posted @ 2:20 pm in [ De dentro ]

O bombo de Chumeiras

Hai un par de días o Capitán Chumeiras chámame para tomarlle unha antes de marchar. Xunto co Ghaiteiro e Chirivitas van coller un avión que os deixará en Escocia mesmo. Como único equipaxe levan un bombo, unha gaita, un clarinete e unhas ganas terribles de enchouparse de culturas de fóra.

Chumeiras é algo así como o Manu Chao local, sempre anda meténdoselle en sarillos desafiando cotas de liberdade e esixindo ás autoridades as súas obrigas, tendo como ferramenta o bombo e a transmisión de alegría. É parte da nosa conciencia colectiva.

Teñen a intención de facer unha viaxe semellante á de hai un par de anos na que percorreron parte de Hespaña e Italia, daquela ían ao caloriño do Cacharrote que aínda que os deixara tirados polo menos dáballes acubillo.

Marchan por un tempo ata febreiro ou marzo, ata que chegue o bo tempo, din que aquí é case imposbile vivir da música. Como o gran despegue se lles está demorando deciden ir alá, a algún sitio.

Eles representan moitas cousas na Sentenaria, o alternativo, a festa, o reivendicativo,... pronto chegará o voso tempo!.

Por se os vedes, levarán unhas chapas no peito na que poñen “Chiquilicuatres”, serán eses que andan armando ruído. Prometeron tamén enviar crónicas e imaxes para saber deles e das súas reviravoltas.

Grazas por sifnificar o que significades. Ata a volta capitáns da Sentanaria, esperámosvos pronto. Sorte nos camiños!




Mércores, Outubro 4th 2006


Inventor das Matemáticas
posted @ 3:56 pm in [ Da escola ]

Cóntame unha compañeira o que lle pasou hoxe dando clase.

Albert Einstein, o cabrón inventor das matemáticas

Alumno 1: - Profe, profe este é o que inventou as matemáticas? (Sinalando a foto nun libro).
Profesora: – Si.
Alumno 1: - Cabrón !
Alumno 2: – Si oh que cabrón, inventou as matemáticas, morreu e ahora quen se jode somos nós.

Profesora: (Aguanta o ataque de risa e pensa que teñen unha chea de razón).